Cirrocumulus (Cc)
Xénero nuboso pertencente á familia das nubes altas, que aparece no ceo formando un banco, unha capa delgada ou saba de nubes brancas, que non xeran sombras, composta por unha distribución bastante regular de pequenos elementos globulares. Estes poden estar ou non soldados entre si e o seu diámetro angular é inferior a un arco de grao. O tamaño aparente (visto desde a superficie terrestre) deses elementos nubosos é significativamente menor que o do granulado dos altocúmulos, o que axuda á súa identificación. O Atlas Internacional de Nubes da OMM establece catro especies distintas deles (stratiformis, lenticularis, castellanus e floccus) e dúas variedades (undulatus e lacunosus).