cinto de Venus

Recibe este nome a franxa de ceo de cor azul escuro, delimitada na súa parte superior por outra algo máis estreita de cor rosada, visible durante algúns minutos por riba do horizonte oposto a aquel en que se atopa o sol, tanto antes da súa saída como despois do seu solpor. O fenómeno, tamén coñecido como o cinto de Venus, débese á proxección da sombra da Terra sobre a súa propia atmosfera, podendo observarse con nitidez esa porción de ceo máis apagada cando está despexado e a visibilidade é boa. Tanto os grandes horizontes mariños e chairas coma os cumios das montañas, son lugares propicios para observar a sombra do planeta.

Tamén coñecido como: faixa de Venus, arco anticrepuscular, sombra da Terra