AMOC
Siglas da expresión en inglés Atlantic Meridional Overturning Circulation, que adoita traducirse ao galego como a circulación do envorco, do lazo ou de retorno meridional do Atlántico. Trátase dun conxunto de correntes mariñas, tanto superficiais como profundas, que se localizan no Atlántico Norte e que son un dos principais motores da cinta transportadora de calor dos océanos. Os científicos que estudan o clima levan anos vixiando o seu comportamento. Desde hai décadas está sendo monitorizada e obsérvase nela unha ralentización, debido a unha diminución do caudal de auga fría e salgada superficial que, ao ir descendendo cara ao fondo, forma a auga profunda. Algúns científicos comezaron a especular sobre o seu posible colapso ao longo do presente século, o que tería importantes implicacións a escala rexional no norte de Europa, onde se podería producir un arrefriamento parecido ao da última glaciación.