alisios
Nome que reciben os ventos marítimos persistentes de compoñente leste que sopran a un e outro lado do ecuador, en dous grandes cintos terrestres que se estenden desde a zona ecuatorial ata os 25º de latitude norte e sur. En determinadas franxas lonxitudinais e épocas do ano, este réxime de ventos pode alcanzar o paralelo 30º ou, en contraposición, limitarse ás proximidades do ecuador. Coñecidos tamén como «os ventos do comercio» (Trade Winds, en inglés), os alisios son coñecidos desde antano polos navegantes, o que impulsou os primeiros estudos científicos sobre a circulación xeral da atmosfera. Mentres que no hemisferio norte sopran do NE, no sur fano do SE, propiciando entre ambos os dous a existencia da zona de converxencia intertropical.