humidade (do aire)

Contido de vapor de auga do aire. Coñécese tamén como humidade atmosférica ou humidade, a secas. É unha das principais variables meteorolóxicas e pode expresarse de forma absoluta, específica ou relativa. Fóra dun contexto meteorolóxico, o concepto de humidade non sempre se aplica correctamente; é habitual considerar que húmido é sinónimo de mollado. Referímonos a miúdo ás humidades dos teitos ou das paredes cando, en realidade, ditas superficies o que están é molladas. Para medir a humidade do aire utilízanse os higrómetros, higrógrafos, termohigrógrafos e psicrómetros. A cantidade de vapor de auga que pode conter o aire depende da temperatura, sendo bastante maior en aire quente que en frío.